O nome “Courel”

Pouco sabemos aínda do topónimo Courel, nin da relación cos seus homónimos de Portugal e da Bretaña Francesa; nin do seu étimo.

Corylus, nome xenérico da abeleira, posible orixe do Caurel

Para algúns seguramente Coro, divinidade prehistórica das montañas, que era celeste e subterránea á vez. Coro (Corus ou Caurus en latín), tamén era o nome do deus do vento do noroeste, do ar que ven do país da morte. Para outros, con menos mito, de Corylus, nome xenérico da abeleira (corylus avellana), tan abundante na Serra do Courel.

Notas Xeográficas

O Courel é un dos macizos montañosos que forman parte das chamadas Serras Orientais de Galicia. Está situado no sueste da Provincia de Lugo, ó sur dos Ancares, e ó norte, co Río Sil polo medio, do Macizo Central e Pena Trevinca.

Serra do Courel

Localízase entre as chairas de Lemos e Sarria, polo oeste, e a depresión do Bierzo, polo este. O seu río principal é o Lor, que nace no Cebreiro e desemboca no Sil, en pleno Canón. Outros ríos importantes son o Selmo, o Soldón e o Lóuzara

Natureza na Serra do Courel

O Courel é o territorio de maior diversidade botánica, xeolóxica e xeomorfolóxica de Galicia. En canto á diversidade de fauna, só é superada pola franxa intermareal e o Océano.

Tan elevada biodiversidade ten a súa orixe na gran variedade de substratos rochosos e por tanto edáficos; na gran diferencia altitudinal entre os profundos canóns fluviais e os altísimos cumios da Serra; e na curiosa confluencia no centro do Courel de dúas rexións bioxeográficas de climas ben distintos: a Atlántica e a Mediterránea.

Na rexión atlántica hai que destacar as devesas, que son bosques de tipo atlántico orientados ó norte. Actualmente, na serra do Courel quedan poucas e as que hai, están sempre en ladeiras moi pronunciadas e son moi húmidas. A Devesa da Rogueira ou a Devesa de Paderne que pode contemplarse dende As Triegas ou Casa Rodrigo son dous bos exemplos.

 

GALERÍA DE IMAXES